Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 28 de diciembre de 2011

O MUSEO GALEGO DO VIÑO NA WEB DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Adega da Reitoral de Sto. André de  Camporredondo (sede do Museo Galego do viño)

          O Consello da Cultura Galega publica hoxe, dentro do portal culturagalega.org un informe sobre a situación actual do proxecto do Museo Galego do Viño e o esforzo de dinamización que se está levando a cabo para conseguir que saia adiante e non quede no olvido.

Para ler a noticia faga click no enlace
Dinamizar un museo baleiro

martes, 27 de diciembre de 2011

NOVA PRENDA DA COLECCIÓN DE TÉXTIL EN EXPOSICIÓN: REFAIXO


      
Refaixo
ca.1900
Desde hoxe,  formando parte da exposición permanente do museo e en lugar dun traxe de nena de finais do século XIX, está exposto nas salas unha prenda da colección de téxtil da que damos a información básica.
          O refaixo ou zagal é unha prenda interior feminina, de abrigo, que se coloca por debaixo da saia ou da vasquiña pero que tamén pode asomar parcialmente ao exterior.
 Nesta prenda do museo, a parte superior cínguese ao corpo mediante unha tea de tafetán de algodón branco con raias azuis, e átase por atrás con fitas. A parte inferior está feita con pano de la abatanada, en cores vermella e laranxa, co bordo de abaixo adornado cunha franxa delimitada por dúas liñas horizontais entre as que vai un debuxo en zigzag, realizado todo con fita de tapiceiro.
Este refaixo parece ser o resultado da reutilización de varias teas xa que a parte superior de algodón é bastante mais recente que a de la; aínda así, podería datarse arredor de principios do século XX.
É moi probable que dun uso cotiá acabase pasando a ser utilizado en actividades teatrais ou festivas.

Bibliografía básica:
     -         Rodríguez Cruz, J. (2004) “Trazos sobre a vestimenta tradicional do surleste de Ourense”, Ourense,
              Deputación Provincial.
-         Mariño Ferro, X. R. y González Reboredo, X. M. (2010) Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Vigo, Nigratrea.
-         Liceras Ferreres, Mª. V. y Vicente Cones, Mª. V. (1994) Fondos de Indumentaria en el Museo Nacional de Cerámica (Catálogo), Madrid, Ministerio de Cultura.



jueves, 1 de diciembre de 2011

SONS CARA Á LIBERDADE. Exposición temporal do Museo Etnolóxico


O MUSEO NO CÁRCERE 2011
                                                 SONS CARA Á LIBERDADE. 

Inauguración: venres 2 de decembro ás 11,00 h.

A exposición SONS CARA Á LIBERDADE  que se inaugura/presenta este venres 2 de decembro é o resultado dun obradoiro organizado polo Museo Etnolóxico e realizado no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar na primeira metade deste ano, actividade á que asistiron regularmente 15 internos en varias sesións semanais.

Para este obradoiro e posterior exposición partiuse da seguinte reflexión:
       As particularidades de cada pobo reflíctense na súa música (Joseph D’Ortigue) e os nosos recordos están cheos de sons e de musicalidade por medio de cancións de berce, xogos, melodías musicais e os sons máis variados da natureza, por outra banda todos nós acumulamos percepcións acústicas cotiás aínda que non sempre sexamos capaces de escoitar. 
A relixiosidade, os traballos, os xogos, o noso quefacer cotiá... conteñen unha manchea de elementos musicais e sons que permanecen na nosa memoria e que nos relacionan cunha paisaxe sonora (soundscape) determinada polo medio no que nos desenvolvemos, pola hora do día ou pola nosa posición particular (Soledad Cabrelles Segredo). Do mesmo xeito a audición dunha peza melódica determinada pode predispoñernos a situacións emocionais moi diversas.

       Sobre estes presupostos dúas especialistas (Pilar Iglesias e Fátima Braña) realizaron unha actividade cos internos na que se pretendía afondar na música desde as súas perspectivas persoais, analizando conceptos como “música”, “ruido”, “paisaxes sonoras”, “música culta”, etc., coa pretensión de aproximarse á música en Galicia como transmisora de cultura, de coñecementos, de sensibilidade e de goce persoal. 
A máis de estudiar todos estes aspectos, celebráronse no Centro Penitenciario varios concertos didácticos a cargo de Antón Castro, o Cuarteto Quiroga e Ton Risco.
Folleto da exposición