Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 20 de mayo de 2014

Día Internacional dos Museos 2014 #DIM2014


 Este ano 2014 o Día Internacional dos Museos (18 de maio) ten como lema: "Museos: as coleccións crean conexións", nos meses de maio e xuño o Museo Etnolóxico establecerá conexión entre o alumnado, o profesorado e a colección fotográfica do Museo a través de obradoiros utilizando o material elaborado pola área de didáctica: "Escribimos coa luz" que se pode utilizar como uso nas aulas nas diversas especialidades e materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, nas diferentes materias artísticas ou nas matemáticas, os fondos fotográficos como valioso recurso educativo.

Para os obradoiros utilizaranse as fotografías da exposición: "A mirada dos espazos. Camiño dunha antropoloxía visual" onde se mostran as obras dos fotógrafos con fondos no Museo Etnolóxico, a través das súas fotografías o público observa todo o que unha imaxe pode ensinar, as múltiples miradas: mirada técnica, histórica, socilóxica, etnográfica, artística...


Os centros educativos que participan son: IES O Ribeiro (Ribadavia), IES Ferro Couselo (Ourense), IES Celso Emilio Ferreiro (Celanova), CEIP Otero Novas (Cortegada), CEIP San Marcos (Cartelle) .

Este é o folleto coa descrición e obxectivos dos obradoiros:



lunes, 19 de mayo de 2014

Romaría Raigame 2014: Centros etnográficos de Ourense

 Cada 17 de maio Día das Letras Galegas na vila ourensá de Vilanova dos Infantes celébrase a Romaría Raigame, a vila medieval énchese de tradición galega cunha morea de actividades: teatro, íteres, música, ambientación polas rúas, bailes populares, xogos, contacontos e artesanía, dentro destas actividades cada ano o Centro Cultural Xaquín Lorenzo organiza unha exposición adicada a un tema de etnografía, neste 2014 o título da exposición era: "Centros etnográficos de Ourense".

Nunha das rúas principais de Vilanova banderolas con información dos distintos centros etnográficos espallados pola provincia de Ourense: Castro Caldelas, Riós, Vilariño de Conso, Allariz, A Veiga ... e por suposto iniciaba a exposición o Museo Etnolóxico con este panel AQUÍ (grazas á xente do Centro Cultural Xaquín Lorenzo, en especial a Xavier Álvarez por facernos partícipes de honra), por outra parte nunha das casas da Praza Maior había unha pequena mostra de folletos, libros, vídeos... con información sobre estes centros.

Na mesma casa estaba a interesantísima exposición da Sociedad Filatélica Miño Ourense onde a través dos selos mostran e poñen en valor a tradición cultural galega, además de ser os promotores de pór en circulación dous selos adicados a estes centros etnográficos da provinica de Ourense: un adicado ao Museo Etnolóxico. Ribadavia e outro á Casa das Rodas de Arboiro. Xa sabedes durante un mes podedes enviar as vosas cartas coa imaxe do Casa-Pazo do Marqués de Baamonde, sede do Museo Etnolóxico, foto de Santi Amil.


martes, 13 de mayo de 2014

Heráldica e linaxes no Ribeiro



O venres 16 de maio ás 20:00 h. terá lugar nas dependencias do Museo Etnolóxico a presentación de tres libros sobre Heráldica e Xenealoxía do Ribeiro da autoría da profesora María Luisa Álvarez–Montero y Montaos. Ademais da intevención da autora fará unha valoración destas obras o Profesor de Comunicación Audivisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela, José Ramón Pousa Estévez.

jueves, 8 de mayo de 2014

Arte, cultura e cárcere

O Museo Etnolóxico co Programa "Museo no cárcere" que forma parte do proxecto "Museo Aberto" participou na investigación de María Ruiz e Tais Vidal sobre as distintas experiencias artísticas e culturais que se realizan sobre todo dentro do sistema penitenciario do estado español: quen as leva a cabo, que relacións existen entre as distintas institucións, como se organizan, e sobre todo como apuntan elas mesmas dar visibilidade ao labor de numerosas persoas que traballan día a día pola accesibilidade da cultura nos entornos penitenciarios, e conseguiron este propósito coa publicación en liña da súa investigación, coa recopilación das distintas experiencias e coas conclusións "abertas" do seu traballo ao longo de tres anos, a publicación ten o título: "Arte, cultura y cárcel: prácticas artísticas y culturales en contextos penitenciarios", que foi presentado no marco do II Congreso Internacional de Educación y Accesibilidad .
María e Tais resaltan "entendemos a CULTURA como un dereito PARA TODOS, como un instrumento de cohesión social e como un elemento xerador de desenvolvemento que ten a capacidade de mellorar e transformar o noso entorno social".