Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

jueves, 23 de junio de 2016

Ciclo de cinema: Marxes Fílmicas 2016


Neste xullo de 2016 chegamos á quinta edición do ciclo de cinema: Marxes Fílmicas en colaboración co Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia.
Durante a primeira quincena de xullo os luns e mércores no patio do Museo Etnolóxico pola fresca ás 22.30 h. poderemos ver unha selección de filmes brasileiros, en versión orixinal subtituladas para o español (VSOE), grazas á colaboración Embaixada do Brasil em Madri.

Folleto coa sinopse dos filmes: 

 


 Luns 4 de xullo ás 22.30 h.

EDIFÍCIO MASTER
(Brasil, 2002) Eduardo Coutinho.

110 min.

Guión: Eduardo Coutinho.

Fotografía:  Jacques Cheuiche.



Sete días compartidos coa vida diaria das familias que habitan nun edificio, residencial en Copacabana na cidade do Rio de Janeiro , un macroedificio de 12 pisos, con 23 apartamentos por piso, en total 276 apartamentos nos que viven máis de 500 persoas. As historias que a cámara vai revelando son, entre outras, a dunha parella de idade madura que se atopou por medio dun aviso clasificado, a dunha prostituta que mantén á súa filla e a unha irmá e a dun porteiro que sospeita que o seu pai adoptivo é en realidade o seu verdadeiro pai. Entre todas van formando un panorama da actual vida urbana en Brasil, sen esquecer a dimensión política da vida persoal, marcando así o carácter universal das historias particulares.

Eduardo de Oliveira Coutinho foi un cineasta e xornalista brasileiro, considerado un dos mellores documentalistas do cinema brasileiro, caracterízase pola forma directa nos sus documentais sen a utilización de moitos efectos cun estilo minimalista e interesado nas historias da xente común.



 Mércores 6 de xullo ás 22.30 h.

TERRA ESTRANGEIRA
(Brasil, 1995) Walter Salles, Daniela Thomas.

100 min.

Guión: Marcos Bernstein, Millor Fernandes, Walter Salles e Daniela Thomas.

Música: José Miguel Wisnik.

Fotografía: Walter Carvalho.

Reparto: Fernando Alves Pinto, Alexandre Borges, Canto e Castro, Laura Cardoso, Miguel Guilherme, Tchéky Karyo, João Lagarto, Luís Melo, Fernanda Torres.


Brasil, marzo de 1990. O plan económico do goberno brasileiro de Collor empuxa ao país ao caos. A vida de Paco, un mozo estudante paulista, esborrállase coa morte da súa nai e acaba co seu soño de ser actor. Paco decide abandonar o seu país e marcharse a España, a terra da súa nai, aceptando levar antes a Lisboa un obxecto de contrabando. Alí coñece a Álex, o amor e o perigo de morrer...
O filme é unha reflexión sobre a perda da identidade no exilio. A banda sonora e a excelente fotografía en branco e negro contribúen ao clima negro que percorre o filme.
“Terra estrangeira” é unha descrición antropolóxica de realidades duras e contraditorias que usa a estética do cine negro e do documental.
  
Walther Moreira Salles Júnior director e produtor de cinema brasileiro gañou dous Óscar en 1998 co seu filme “Central do Brasil”, en 2003 o xornal británico The Guardian escolleuno como un dos 40 mellores directores do mundo.
Daniela Thomas é uma cineasta, directora teatral, dramaturga, iluminadora, escenógrafa e figurinista brasileira.


 Luns 11 de xullo ás 22.30 h.

ENTREATOS
(Brasil, 2004) João Moreira Salles.
117 min.
Fotografía: Walter Carvalho.

O director João Moreira Salles e un pequeno equipo seguiu paso a paso a campaña do candidato presidencial Luís Inácio Lula da Silva en reunións, mitins, avións, debates de TV, coa súa familia, aliados políticos e publicitarios, desde o 25 de setembro até o 28 de outubro de 2002 cando foi oficialmente elixido presidente da República Brasileira con 53 millóns de votos. Lula da Silva foi o primeiro presidente brasileiro saído das clases traballadoras ( ex-metalúrxico e líder sindical). O director filma, observa, non fai preguntas e acompaña ao candidato no público e no persoal.

“Entreatos” presenta tres vidas do mesmo home: un Lula histórico, cerca de gañar a presidencia; un Lula bromista que non perdoa a ninguén coas súas brincadeiras; e un Lula actor, consciente de que estaba sendo gravado nun momento peculiar.

  

João Moreira Salles é un documentalista, guionista e produtor, considerado un dos máis importantes documentalistas brasileiros contemporáneos.





 Mércores 13 de xullo ás 22.30 h.

ÚLTIMA PARADA 174

(Brasil, 2008) Bruno Barreto.

110 min.

Guión: Bráulio Mantovani.

Música: Marcelo Zarvos.

Fotografía: Antoine Héberlé.

Reparto: Michel Gomes, Marcello Melo Jr., Douglas Silva, André Ramiro, Anna Cotrim, Cris Vianna.

Obra de ficción que fai unha relectura do documental "Ônibus 174" realizado por José Padilha. Baséase na historia real do supervivinte, Sandro Barbosa do Nascimento,  dunha matanza de oito nenos da rúa de Río de Janeiro, perpetrada pola policía nunha igrexa de Río de Janeiro, en xullo de 1993, coñecida como a Chacina da Candelária (Masacre da Candelária). Algúns anos despois, o mozo secuestrou o omnibus 174 durante cinco horas, retendo a varias pasaxeiros como reféns.
Os personaxes centrais do filme “Última parada 174” son Mariza e Sandro. Marisa ten un bebé recén nacido que é secuestrado por un traficante de favela onde vive. Noutra parte da cidade, Sandro, aos 10 anos de idade, o fillo único dunha nai traballadora é testemuña do asasinato da súa nai por un par de asaltantes. Non é un filme sobre violencia, senón sobre as emocións humanas innatas como o amor, o odio e os celos que se desenvolven en todos os ambientes. 

Bruno Barreto empezou a facer cine coa idade de dezasete anos, convertíndose  nun dos máis famosos directores de cine en Brasil.