Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 23 de noviembre de 2016

Conversa no Museo con Vania López Arias: "A restauración do retablo maior de San Domingos de Ribadavia: criterios de intervención"




O próximo venres 25 de novembro, ás 20:15 h teremos no Museo Etnolóxico unha conversa con Vania López Arias sobre a restauración do retablo maior de San Domingos de Ribadavia: criterios de intervención.
Vania López Arias é licenciada en Belas Artes, especialidade de restauración pictórica, pola Universidade de Granada.
Dende hai dezasete anos está a desenvolver a súa actividade profesional con bens das Dioceses galegas, de museos e de particulares. Entre as súas intervencións están as efectuadas no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, no Baldaquino da Capela maior da Catedral de Lugo, ou na Cruz procesional do século XIII de San Munio da Veiga.
Na actualidade dirixe o Centro de Conservación e Restauración San Martiño da Diocese de Ourense. Dende o ano 2015, é membro da Comisión de Patrimonio da Diocese de Lugo.

miércoles, 16 de noviembre de 2016

Presentación do libro : "Anuncios. Historia del Comercio Orensano a través de la Publicidad 1863-1939"




Maribel Outeiriño autora do libro:  Anuncios. Historia del Comercio Orensano a través de la Publicidad 1863-1939 presentará o seu libro este venres 18 de novembro ás 20.15 h. no Museo Etnolóxico a vez que terá unha conversa sobre o seu traballo de recompilación de anuncios por distintas bibliotecas, arquivos e centros de documentación entre os que se encontra a Biblioteca do Museo Etnolóxico.

Neste libro-CD están recompilados moitos dos anuncios que aparecían por esas datas nos xornais que se editaban en Ribadavia, e que se conservan no Museo: "El Avia", "El Obrero", "El Ribadaviense", "El Noticiero del Avia", como exemplo estes que aparecen no libro de Maribel: sobre a venta de globos por parte do encuadernador Eduardo Gómez que aparecía no xornal El Avia en 1889, lembrar que en calqueira festa era moi habitual a solta de globos inclusive había concursos como aparece no programa das Festas do Portal de 1911, 



 ou o da fábrica de chocolates de Francisco Rodríguez anunciándose no xornal El Obrero en 1881 e explicando as súas innovacións e a excelente materia prima, así como o comercio de Fulgencio Lira situado na Praza Maior anunciando a chegada de novo material, e así podíamos seguir porque ademais dos anuncios que aparecen no libro no CD van incluídos máis de 300 anuncios de Ourense cidade e provincia.

miércoles, 2 de noviembre de 2016

Conversa no Museo con Begoña Ces Fernández: "O terremoto do 1/XI/1755 no Ribeiro"



O próximo venres 4 de novembro, ás 20:30 h teremos no Museo Etnolóxico unha conversa con Begoña Ces Fernández,  Arquitecta e Máster en Rehabilitación Arquitectónica pola Universidade da Coruña sobre os efectos no Ribeiro do coñecido como o Gran Terremoto de Lisboa.

Begoña Ces Fernández defendeu no ano 2015 a súa tese do doutoramento en Arquitectura na Universidade da Coruña, resultado dunha investigación desenvolvida durante os últimos cinco anos, na que estudou, dende o punto de vista construtivo e arquitectónico, os efectos do coñecido como O Gran Terremoto de Lisboa do 1 de novembro de 1755 sobre o patrimonio monumental galego. Entre os seus temas de investigación está o patrimonio arquitectónico, as patoloxías na construción, a historia da arquitectura e a sustentabilidade ambiental.

O seu interese polo patrimonio ourensán remóntase aos seus estudos de Mestrado, tendo escollido como tema do seu traballo de mestrado a evolución arquitectónica e os procesos de destrución e rehabilitación da igrexa do mosteiro cisterciense de Santa María de Melón.
A súa tese: Los efectos del seísmo de Lisboa de 1755 sobre el patrimonio monumental de Galicia, foi dirixida por Ramón J. Yzquierdo Perrín e titoriada por José Ramón Soraluce Blond, está dispoñible para a súa consulta no repositorio institucional da Universidade da Coruña, na seguinte ligazón permanente: http://hdl.handle.net/2183/15902.
 Begoña Ces fixo unha recensión da súa tese no blogue da Biblioteca do Museo que podedes consultar AQUÍ , ademais na Biblioteca do Museo depositou para consulta de toda as persoas interesadas, unha copia en papel da parte relativa aos efectos do Gran Terremoto de Lisboa no patrimonio arquitectónico da comarca do Ribeiro, e unha copia en CD-ROM da súa tese.