Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 14 de agosto de 2017

Exposición: «A olería de Niñodaguia. Achegamento ás formas tradicionais»


xoves 10 de agosto de 2017 ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
inauguración da exposición: 
«A olería de Niñodaguia. Achegamento ás formas tradicionais»

Mostra itinerante da Colección de Agustín Vázquez Ferreiro na que se expoñen 32 pezas do centro oleiro de Niñodaguia e que ten sido comisariada por Sara Costa Muñoz e Xoel Rodríguez Martínez.


Un val de barro
Ao pé do monte Medo atópase a parroquia de Santa María de Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo, Ourense). Os máis entregos aínda a chaman Nodaiga e é o último centro oleiro dos varios que un día houbo na comarca.
As primeiras evidencias escritas sobre a olería na zona son do século XVIII. A tradición de seguro vén de máis antigo debido a que o diluvial val do Medo conta cos dous elementos fundamentais para o desenvolvemento da actividade: arxila e leña para a cocción.
O coñecido coma barro de lei é de cor negra e o preferido pola súa excelente finura e calidade plástica. O proceso de fabricación mantívose artesán ata mediados do século pasado, dende a extracción da arxila nas barreiras e o modelado coa roda de pé, ata a cocción en fornos comunais. Trala cocción, o cacharro sae do forno coa prezada e característica tonalidade amarela, resaltada acotío con un vidrado a base de minio (óxido de chumbo). 


Foto Museo Etnolóxico


Dunha economía de subsistencia á figura do «señorito»
Os cacharros son a expresión dun oficio e o reflexo dunha cultura. Nun primeiro momento, as formas adáptanse ás necesidades da agricultura e gandería.
As pezas que vemos aquí estaban destinadas exclusivamente á contención de líquidos e alimentos debido a que a baixa resistencia deste barro ao choque térmico non as facía aptas para a súa exposición ao lume. O vidrado realizouse inicialmente polo interior por razóns hixiénicas pero despois pasou tamén ao exterior para resaltar o brillo da obra.
Pouco a pouco os cacharros comezan a ser demandados dende outros lugares e as formas diversifícanse para dar resposta a novas necesidades. A actividade pasa a ser a tempo completo e a figura do cacharreiro gaña prestixio na zona, algo que en moitos casos fai que sexa alcumado como «señorito». A muller de Niñodaguia asume máis responsabilidade e ocúpase tanto das tarefas do fogar como da venda das pezas. 

Foto Museo Etnolóxico


O ámbito doméstico e a incorporación do barro roxo
Os cacharros resultaban imprescindibles na alimentación e na hixiene persoal do día a día das familias. Co paso do tempo irá aumentando a variedade de pezas e o seu número ata chegaren á práctica totalidade dos membros da unidade familiar. De igual maneira, as novas costumes obrigarán a producir pezas máis sofisticadas.
Na década dos anos 30 do século XX tivo lugar un grande avance: a incorporación á mestura do barro roxo. Tradicionalmente utilizado na fabricación de tella, achégalle ás pezas unha maior resistencia ao lume facéndoas aptas para a cociña. É a partir deste momento cando se comezan a facer potas, tarteiras ou testos de bica.
Dende esta data irán aparecendo novas formas por influencia da olería leonesa. O falsete, por exemplo, xa non responde a unha necesidade utilitaria senón que é un obxecto de brincadeira. 

Foto Museo Etnolóxico

O salto dos anos 60: da artesanía á industria
A crise da agricultura tradicional traduciuse nunha transformación da olería. A chegada do plástico e a aparición dunha louza industrial accesible a tódolos estratos da sociedade irán facendo que paseniño os cacharros queden relegados a un uso eminentemente decorativo.
O taller do cacharreiro mecanízase e electrifícase e sae definitivamente das casas, física e simbolicamente. A fabricación de tella, ladrillo e tubaxes é, en moitos casos, unha saída a esta crise.
Hoxe en día, o Museo Taller de Olería de Niñodaguia recorda o que chegou a significar este traballo na rexión. 

Foto Museo Etnolóxico

viernes, 11 de agosto de 2017

Conversa no Museo con Salomon Kroonenberg: «Pena Corneira, Carlos Casares e un xeólogo holandés que fala galego»

                                                
                                      Venres 18 de agosto de 2017 ás 20.00 h no Museo Etnolóxico
                                                Conversa co xeológo holandés Salomon Kroonengerg:
                                                 

                 «Pena Corneira, Carlos Casares e un xeólogo holandés que fala galego»

O xeólogo holandés Salomon Kroonenberg, realizou a súa tese de máster (1971) sobre a xénese das formas graníticas no noroeste de España, o que lle permtiu coñecer Galicia e a súa cultura. 
Doutor pola Universidade de Amsterdam, ten sido profesor na Universidade Agrícola de Wageningen (1982) e da Universidade Técnica de Delft (1996), continuando en esta como profesor emérito trala súa xubilación (2009). 
Entre outros premios e recoñecementos é Membro Estranxeiro da Academia Rusa de Ciencias Naturais, Premio Eureka ao mellor libro de ciencias naturais e profesor honorario da Universidade Estatal de Moscú. Dende o ano 2011 é Oficial da Orden Oranje-Nassau.

viernes, 30 de junio de 2017

Ciclo de cinema: Marxes Fílmicas. Irán: Noites persas

deseño Iñaki Nóvoa

A sexta edición do ciclo de cinema Marxes Fílmicas, este 2017, está adicado o cinema feito en Irán colaboración co Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia.
Durante a primeira quincena de xullo os luns e mércores (3, 5, 10 e 12 de xullo) no patio do Museo Etnolóxico pola fresca ás 22.00 h. poderemos gozar de catro Noites Persas, en versión orixinal subtituladas.

O cine feito en Irán sobrevive con orgullo, desde hai case un século, a unha sucesión continua de avatares políticos, conflitos bélicos e diversos e sorprendentes formas de censura.

Grazas ao secular emprego da metáfora, da parábola e do simbolismo, inseridos na súa ancestral tradición narrativa, foron quen de superar o illacionismo e as prohibicións e configurar unha filmografía que avanza e progresa incorporando elementos definitorios e recoñecibles por unha maioría de públicos que agardan as estreas dos seus filmes multipremiados en todo o mundo.


Lembremos as verbas do mestre Abbas Kiarostami -do que poderemos ver Primeiro Plano neste ciclo- cando recibiu a Palma de Ouro en Cannes 2015 pola súa película Copia certificada (Francia, 2010): "Dóeme moito o que pasa na miña patria, pero non podo deixala". O seu filme rematará vetado, e el mesmo tivo que soportar a prohibición de rodar durante dous anos pola “provocativa” indumentaria que lucía Juliette Binoche.

Benvidas sexan estas Marxes Fílmicas baixo a suxestión das Noites Persas, unha breve e intensa viaxe a través de catro películas -apenas unha pequena mostra- á realidade dun país condenado a estar sempre na primeira liña da actualidade política  cuxas primeiras manifestacións culturais se remontan ao 2800 a.C., o país dos Sahs, das Mil e unha noites e do ayatolá Jomeini... a República Islamica de Irán.

Luns 3 de xullo, 22.00 h.


A vaca "Gaav" (Irán, 1969. 105')
dirixida por Dairush Mehrjui


Gholam-Hossein Saedi é o orgulloso propietario dunha vaca. Pero esta morre de xeito inesperado. En lugar de dicirlle a verdade, os demais aldeáns finxen que a vaca se extraviou: a identidade e posición social dependen moito dela. Co réxime de Jomeini, o cine -ao igual que a música e as artes-, semellaba condenado á extinción. Este filme, ao velo Jomeini, salvouse da queima.



Mércores 5 de xullo, 22.00 h.

 

O ciclista "Bicycleran" (Irán, 1987. 95')
dirixida por Mohsen Makhmalbaff 


Nassim, refuxiado afgano, necesita diñeiro para pagar as facturas do médico da súa muller. Un axente de negocios de mala fama proponlle astutamente competir nun maratón en bicicleta: 24 horas ao día durante unha semana. Mohsen Makhmalbaf é un dos grandes -e descoñecidos- directores iranís. O filme, de profusos trazos sociolóxicos, sitúa fronte ao espello a miseria humana e o mundo relixioso


Luns 10 de xullo, 22.00 h.


Primeiro plano "Nema-ye Nazdik" (Irán, 1990. 100')
dirixida por Abbas Kiarostami



Mestura documental e drama a través dunha historia no que un fanático do cine finxe ser o reputado director Mohsen Makmalbaf. Na estrea en Irán, a película sufriu críticas moi negativas. No estranxeiro foi ben diferente: está incluída pola crítica na lista de "As 50 mellores películas de todos os tempos" (British Film Institute). Makhmalbaf e Kiarostami interprétanse a si mesmos.


Mércores 12 de xullo, 22.00 h.


Nahid (Irán, 2015. 106')
dirixida por Ida Panahandeh



Nahid é unha moza divorciada que vive soa co seu filo de 10 anos nunha cidade do norte, xunto ao Mar Caspio. As normas sociais ditan que a custodia dos fillos correspóndelle ao pai, obviadas neste caso coa condición de que Nahid non volva casar. Trátase da ópera prima de Ida Panahandeh, merecedora do premio Un Certain Regard do Festival de Cannes.


Folleto de man coa sinopse dos filmes: