Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

martes, 21 de febrero de 2017

Exposición: "Xungir non é esmorecer, senón medrar"



Exposición: Xungir non é esmorecer, senón medrar
Fotografías de Rita Blanco Fernández
no local social da "Igrexa da Madalena"

                                       do 22 de febreiro ao 31 de marzo de 2017
     Horario:   Martes a Venres: 12 a 14 h. e 17 a 19 h.
                                        Sábados e Domingos: 11,30 h. a 14 h.

Ourense é terra de Entroido. Ao longo de toda a xeografía da provincia sucédense unha chea de entroidos con caras diferentes. Na comarca de Maceda sae á rúa o anárquico e rebelde felo, brandindo o caxato e perseguindo aos que se meten con el. Na Limia os protagonistas son varios. En Xinzo é a pantalla quen molesta a quen non se disfraza portando nas mans unhas vexigas indoloras pero non inodoras. Na veciña Serraus, os vergalleiros optan por acompañar a charanga mentres chaman cos seus cornos a participar na festa.
Cada Entroido ten a súa simboloxía e ritos propios que os diferencian e fan singulares pero tamén teñen semellanzas. Nunha xuntanza entre felos, vergalleiros e pantallas e noutra en Murcia durante as «Fiestas de Primavera» do 2013, a fotógrafa captou o entendemento entre eles.
De formación autodidacta, leva colaborando dende hai anos coa promoción do Entroido da provincia a través do de varias iniciativas, como son a cooperación no blogue Felos de Maceda e na páxina web Felos de Maceda ou con diversas fotografías para libro de Óscar J. González Mascaradas de la península Ibérica. É tamén membro activo da asociación fotográfica «Os Potiños» do Carballiño.
A artista busca reflectir nesta exposición apoiada pola «Asociación Felos da Corga da Serra de Maceda», da que é secretaria, dous aspectos fundamentais. Por unha banda, o valor da fotografía como reportaxe ao captar escenas que se describen co movemento como elemento particular e fuxindo do estático. Por outra, a súa paixón polo Entroido que queda patente na beleza e colorido das máscaras e traxes. Antes de chegar a Ribadavia, esta mostra estivo no Museo Etnográfico Liste (Vigo), no Castelo Monumento de Maceda e no Pazo da Cultura de Carballo, entre outros.
No Catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia  AQUÍ escribindo na caixa de búsqueda o termo: entroido ou carnaval podedes encontrar moita bibliografía.
Tamén no blogue da Biblioteca do Museo Etnolóxico hai un pequeno artigo sobre as máscaras do entroido ourensán AQUÍ .


miércoles, 15 de febrero de 2017

Presentación do catálogo: "Legado Meruéndano. Depósito Meruéndano-Cardeñosa"





O próximo venres 17 de febreiro, vai ter lugar a presentación do catálogo do Legado Meruéndano. Depósito Meruéndano-Cardeñosa, ás 20:30 h no salón de actos do Museo Etnolóxico, rúa de Santiago, nº 10 Ribadavia.

Amais dos inventarios bibliográfico, obra de Cristina Gayoso Diz, e documental, feito por Luciana Rodríguez Rodríguez, a obra contén textos de Xosé Carlos Sierra Rodríguez, Lolín Lira Pousa, Gabriel Quiroga Barro, Anxo Collarte, Luís Domínguez Castro e Emilio Carlos García Fernández. Parte dos autores do catálogo intervirán no acto de presentación do mesmo.


lunes, 6 de febrero de 2017

Presentación traballos Tractora Coop


A Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia organiza en colaboración con Arteficial e o Museo Etnolóxico a presentación de varios traballos de Tractora Coop., cooperativa de artistas e cineastas; as presentacións, proxeccións e charlar serán o sábado 11 de febreiro no Museo Etnolóxico.



Mañá 12.00 h.: presentación/audición do libro 
                                     «Soineko Paisaia 2009-2015 / Paisaxe Dorsal 2009-2015 / Paisaje Dorsal 2009-2015» de Nader Koochaki
Arquivo sonoro de chocallos de rabaños de máis de cen ovellas, mostrando a influencia do pastoreo como axente no tecido da paisaxe sonora. A través da Teoría da Rede de Actores, proponse unha maneira propia de construír e ler a paisaxe, a arte e as ciencias sociais.


Tarde 16.30 h. Primeira sesión proxección de:

                                                            Gold 20 (de Ainara Elgoibar)
Vídeo industrial de carácter experimental que recolle o proceso de produción deste vidro. O obxectivo é dobre; por unha banda, calibrar o perigo con que o rexistro videográfico en planta é percibido, e por outra, explorar os límites do vídeo para representar este proceso industrial. A negociación sobre cales poderían ser os contidos da película acompañaron ao proxecto en todas as súas etapas. En última instancia a empresa decidiu vetar algunhas das imaxes da montaxe final. Parte delas puideron ser modificadas para adecuar o seu detalle ás necesidades de ambas as partes. Para o resto acordouse ir a negro. 17 mim.
                                                            Pasaia Bitartean (de Irati Gorostidi)
Pasaia é o porto máis grande Guipuzkoa, pesqueiro e industrial, a película describe a anomalía do tecido produtivo na actualidade; o traballo residual nas naves industriais, a ocupación e intento de reconstrución por parte de colectivos locais dunha das naves en desuso da zona, así como un concerto de hardcore no skatepark que construíron colectivamente nas ruínas doutra nave industrial. 51 min.


             Tarde 18.00 h. Segunda sesión, proxección de:

                                                            The Exhaust Note (de Vicente Vázquez & Usue Arrieta)
Rodada nunha mina ao ceo aberto de ferro nos Alpes austríacos, mostra diversos procesos: desde a produción do ferro (hoxe en día actividade residual) ata a produción inmaterial, musealización da mina e o patrimonio cultural mineiro, congregación de brass bands e unha mega competición de enduro anual que se celebra nas minas, o Erzberg. 41 min.
                                             Lysizca (traballo en curso-work in progress) (de Gerard Ortín)
Rodada en Karranza, a zona mineira por excelencia de Bizkaia e tamén unha das máis rurais da provincia. A película parte do mito do lobo de Karranza, pero retrata o sistema industrial de explotación agrícola, o sistema museístico de explotación animal e xeolóxico e tamén hai lugar para explotar a maxia do cinema. 42 min.


          Tarde 19.30 h. Charla-encontro coas/cos membros de Tractora Coop.: Ainara Elgoibar, Gerard Ortín, Vicente Vázquez e Usue Arrieta.